luns, 18 de marzo de 2024

Os nosos actos do 8M

 Por mor dunha alerta meteorolóxica, os actos de visibilización do 8M non puideron ir adiante na súa data: tivémolos que adiar para o pasado día 15.

Reunido todo o centro no pavillón polideportivo, e tras unhas palabras moi emotivas da profesora do departamento de Lingua e Literatura Teresa Devesa Graña, o baile e a actividade física foron os protagonistas da xornada. Como dixo Teresa, facendo súas e reinterpretando as palabras de Martin Luther King, o noso soño sería que non houbera necesidade dun 8 de marzo. Ogallá.

Deixámosvos testemuño audiovisual das actividades.










mércores, 13 de marzo de 2024

Transformación de centros educativos. Estratexias e proxectos innovadores.

 Aí estivemos! Aportando o noso granciño de area, na compaña do IES Valadares, co que dende o curso pasado colaboramos no programa Observa_Acción.

Sempre é bo e bonito partillar as nosas experiencias con compañeiras doutros centros: a cooperación entre os centros de ensino é o avance de todos. Que ninguén quede atrás!

E, como se dixo a remate do relatorio, centrémonos nas bondades do camiño máis que na gloria da meta!





venres, 8 de marzo de 2024

8M : Seguimos camiñando

 Botamos man do noso cartaz do curso pasado, elaborado por nós, porque é atemporal. É un cartaz da memoria, do non esquecer para mellorar. 



Durante os vindeiros días contarémosvos como o estamos a visibilizar no IES: hoxe suspéndense as clases por mor das condicións meteorolóxicas e por tanto o encontro con outras entidades educativas da vila non poderá levarse a cabo. Faremos os nosos actos en breve.

Feliz e consciente 8 de Marzo.


Aquí, as entradas desta bitácora sobre o Día da Muller.

xoves, 7 de marzo de 2024

Aprendendo da mellor equipa!!!! Museografía e máis!

Como queremos aprender moito, moito sobre os museos, solicitamos unha liña dentro do PFPP (Plan de Formación Permanente do Profesorado) á que chamamos "O Fogar das Musas" na que aprenderemos fundamentos de museografía, inventario, condicións para unha colección ou como recibir cesións ou doazóns... E un longo etcétera.

E temos tanta, tanta sorte que contamos cunha equipa de auténtico luxo, que traballan no magnífico Museo Etnolóxico de Ribadavia e no Museo do Viño de Galicia: Mª José Ruiz, restauradora, Rosa Lamas, encargada da biblioteca e César Llana, director, as tres do Museo Etnolóxico de Ribadavia, "un museo de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia. Foi creado a iniciativa do entón comisario para a Primeira Zona do Patrimonio Artístico Nacional, Manuel Chamoso Lamas, como Museo de Artes e Costumes Populares. Tras unha etapa como Sección Etnográfica do Museo Arqueolóxico Provincial, adquire a súa independencia como institución museal non ano 1993". 

Museo Etnográfico. Imaxe procedente da súa web.


Tamén se encargan do Museo do Viño de Galicia, un formidable espazo creado oficialmente en 2019 "que forma un conxunto monumental de singular relevancia no Ribeiro con trazas clasicistas ao servizo dunha das súas funcións orixinarias: a elaboración de caldos que transitaban cara a Compostela, pero adaptada, logo da súa rehabilitación, ás necesidades actuais deste tipo de infraestruturas culturais. Foi reconstruído no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola dependente do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela e convertido, tras a desamortización de Mendizábal, na casa reitoral de Santo André de Camporredondo, lugar da parroquia na que se atopa."





Museo do Viño. Imaxe procedente da súa web.


Pois con estes formidables docentes comezamos onte a noso sendeiro museístico, e xa estamos iniciando, baixo a súa tutela, as primeiras prácticas de inventario. Iremos, no sucesivo, partillando materiais e informándovos dos nosos avances.





mércores, 6 de marzo de 2024

Continuamos con... As Versións das Musas

 Hoxe deixámosvos o material de traballo para este proxecto da aula de debuxo artístico, relacionado coas diferentes visións que pode ter cada artista dun concepto. Botádelle unha ollada a este material informativo que partillamos a semana pasada porque é o complemento para que entendamos o bonito e creativo que vai ser este proceso.

Con todos e todas vos, en Versións das Musas, "Obras de arte con outra mirada"!




xoves, 29 de febreiro de 2024

O órgano de Celanova

 Deixámosvos este material para expoñer e para divulgar coñecemento sobre un elemento senlleiro do noso patrimonio: o magnífico órgano do Mosteiro de San Salvador de Celanova. Como sabedes, fixemos un traballo bastante importante ao respecto fai un par de cursos, que podedes consultar aquí.

O primeiro documento é un imprimible en A3 que podedes contemplar exposto nun dos nosos corredores. Preme na imaxe para ver o documento completo.


O segundo documento é un tríptico imprimible en A4 que podedes consultar aquí na biblio ou imprimir para telo en físico. Preme na imaxe para acceder.





As musas na aula: Copias, versións e interpretacións

 Deixámosvos este bonito documento de traballo para a aula. Como dixo Picasso, os grandes artistas copian, os xenios rouban... Que hai detrás desta frase lapidaria? 

Descubre a diferencia que hai entre estes tres conceptos, copia, versión e interpretación, e goza de exemplos artísticos de todos os tempos! Preme para ver o documento completo!